20 de mar. de 2010

O TEATRO É UNHA FORMA DE ESTAR NO MUNDO

Teatro en punto presenta "Cambios de destino", unha obra na que a actriz Gloria Rico interpreta unha mestra que descobre a valentía na soidade e o encanto do mundo natural

No programa deste novo espectáculo vemos caixas cheas de cousas, porque a vida das persoas está continuamente embalándose e desembalándose. Non temos tempo para pensar no noso camiño vital, porque estamos sempre "en itinerancia". Gloria Rico ten gafas de cores, exprésase con palabras de cores e viste con roupa de cores. Confesa que unha das cousas que máis lle gusta no mundo son os zapatos. Ten mercado zapatos que non eran do seu número, porque lle apetecía telos, gardalos, coleccionalos. As dúas Marías de Compostela tamén eran mulleres en itinerancia. Sempre estaban paseando. Gloria Rico pasea polas rúas da cidade como se a vida fose un teatro emocionante. Os cambios de destino fannos ser máis adultas, máis guapas. Cando chove moito en Compostela, Gloria Rico está bailando sobre o mar na praia da Cabana (Ferrol). Alí naceu, xogou e soñou con ser grande. As mulleres en itinerancia levan zapatos vermellos, fantásticos.

A que xogabas cando eras pequena? Como era o territorio no que pasaches a túa infancia?

Xogaba sempre a "ser maior". Non recordo unha infancia infeliz pero tampouco un adorado tempo vital. Parecíame que sendo maior podía ser todo o que non podía ser cando era nena. Pintaba como un adulto, daba clases como un adulto, cantaba como unha persoa adulta. Tiña moita relación cos xogos do mar. Eu remei, era remeira. Había club de remo na Cabana. Había moita máis xente que agora, moitos nenos e actividades. O colexio quedaba preto da miña casa e polo camiño parabamos nas casas dos outros nenos e xogabamos. Xogaba a cociñar e gustábame moito. Cociñando era adulta. Lía receitas de Álvaro Cunqueiro e facíaas exactamente igual que no libro. Lembro as cociñas, o mar, os libros.

Ti es amiga das palabras? Estudaches Filoloxía Hispánica. Traduces francés, inglés e portugués.

Consigo ler en galego, castelán, portugués, francés e inglés. Co francés sempre tiven relación porque tiven tíos emigrados e eu xogaba coa miña prima de París e cantabamos en francés. Gústame cómo soan as palabras. A súa musicalidade prodúceme moito pracer. Palabras como "sempiterno" en castelán ou "moreover" en inglés, encántanme. Cando Manuel Lourenzo di palabras en alemán soan ben. As palabras sempre me serviron para construír mundos particulares. O mundo de Gonzalo Torrente Ballester paréceme fascinante, e para min resulta moi cotián. Recordo as miñas primeiras lecturas de Shakespeare e reconstruía os meus espazos propios, e iso era marabilloso. Adoro tamén a Alvaro Cunqueiro. A lectura permitíame tratar co mundo dos adultos. Agora gústame ser maior.

Sénteste compostelá? Xa formas parte desta cidade?

Sempre quixen estudar en Compostela. Era un mundo que eu quería coñecer e recoñecer. Esta cidade non me defraudou. Abreume portas á imaxinación. Concordo con Luz Fandiño, que un día díxome que eu teño sorte por coñecer a persoas extraordinarias como Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo ou ela mesma. Por mor de vivir en Compostela, facer teatro na Universidade e ir encauzando a miña vida cara o teatro, fun coñecendo a moita xente á que eu nunca pensei que chegaría a coñecer. Para min Manuel Lourenzo era o señor que aparecía nos meus libros de Bacharelato e agora coñézoo moito e non quero que me chegue a parecer parte do "cotián", quero seguir vendoo en papel e pluma.

Que é a climatoloxía corporal?

Andrés Corchero deume aulas de climatoloxía corporal. Dependendo do clima a xente ten un carácter e é máis expresiva ou máis contida. Dependendo do que queiras transmitir co corpo, lévache a pensar "estou na praia, con sol" e iso corporalmente ten unha postura. Ter frío, medo e estar xeada lévache a outra postura. Son sensacións corporais que se practican con sensacións climáticas. Sempre se di que no Norte temos un carácter fechado. Eu creo que temos un xeito distinto, expresamos os sentimentos con outras claves. As sensacións de tempo climatolóxico producen no corpo formas físicas que inflúen no tratamento do texto e do espazo.

Bailas moi ben o tango? Gústache bailar?

Bailar gústame moito. Eu era a nena que bailaba na praia. Sempre bailei moito e nunca de xeito profesional. Creo que bailar é un xogo e podes expresar moitas cousas. O tango é moi sentido. Gústanme as cousas lentas e cos anos vou gañando calma. Ese sentimento contido que deixa e trae, que vai e vén no tango. Creo que é o baile de salón máis dramático. Meu tío cantaba tangos e estaban en "lunfardo" que é a lingua dos tangos. Hai dicionarios de lunfardo. Son palabras con significados propios.

Rosalía é unha das túas poetas preferidas?

Non. Eu creo que Rosalía é unha muller moi usada e prefiro non manosear sempre o mesmo. Fixen a montaxe "Rosalía" con Roberto Vidal Bolaño pero non é a miña poeta preferida. Non é unha poeta coa que eu conecte polo meu carácter. A xente que se laia non me gusta. Quizais lin a Rosalía un pouco de esguello. Ultimamente vexoa máis combativa. O meu poeta preferido é Manuel Antonio. Paréceme moi "de verdade". Gústame o ritmo que ten. Conecto co tema do mar e gústame a súa modernidade. Literariamente Galicia nese momento estaba "no mundo" e hoxe Manuel Antonio segue sendo un poeta moderno. Gústame a súa frescura, esa "falta de peso". Les como se nada e pousa en ti esa cousa salgada, a area, o mar.

As dúas Marías paseaban alegremente por Compostela? Ti interpretaches, xunto con Mónica Camaño, estes dous personaxes.

Foi un traballo moi interesante. É unha desas casualidades raras que aparecen na vida e chegan a ter ese peso que tivo para min. Un día chegabamos Mónica Camaño e mais eu correndo ver unha obra ao Teatro Principal e dixéronnos "sempre chegades correndo." Pensamos no proxecto das dúas Marías. Empezamos a ver fotos delas. Ningunha de nós eramos de Compostela e non lembrabamos as Marías. A través de xente de Compostela fomos recabando información e o espectáculo converteuse noutra cousa. As Marías son as paseantas. Descubrimos cousas moi tristes sobre elas. O espectáculo funcionaba moi ben en Compostela, Lugo, Monforte, Ribadavia, porque en todas as vilas hai personaxes peculiares e non sempre teñen historias graciosas, senón que teñen vidas "profundas".

Lembras a túa etapa en "Teatro Bruto" como unha época enriquecedora, única, inesquencible?

Houbo momentos felices e momentos duros no período de "Teatro Bruto". Compartimos moitas alegrías e tristezas. Dende sempre quixen facer teatro contemporáneo e sempre houbo autores vivos ao redor de nós. Quixemos facer teatro do século XXI tendo en conta as peculiariedades éticas e estéticas do momento. Non teño unha etapa de "Teatro Bruto" porque para min hai unha continuidade. Facía teatro universitario e coñecín xente e montamos unha compañía para facer teatro profesional.

Na obra "Cambios de destino" ti interpretas a Flor, unha profesora interina que viaxa a unha escola rural e descobre un mundo novo.

Flor é unha muller que fundamentalmente ten medo a vivir. É unha señora urbanita e ao saír da súa cotidianiedade todo lle produce medo. Descobre que o mundo natural acáelle ben e que é quen de florecer moito mellor fóra da cidade. Medra porque está soa e ten tempo para ela. Na xeración de persoas de 30-40 anos hai individuos que fan cousas vitais porque "é o que toca". Cando te paras a pensar no teu estado preguntaste cómo exerciches a túa liberdade vital e descubres que a túa vida é un fracaso. Flor é a muller en itinerancia e viaxando aprendes moito. Cando estás soa podes contemplar. Flor aproba as oposicións e vai dando aulas, non desfai as caixas, e esa é a realidade de moitas mulleres que andan de vaivén.

O texto de "Cambios de destino" é de Rubén Ruibal e a dirección corre a cargo de Nerea de Valenzuela. Como foi o traballo en equipo?

Foi un traballo difícil. Traballamos con medios precarios. Só hai unha actriz por necesidade. Rubén Ruibal fixo un exercicio de autocontrol para que todo fose posible. El é autor pero tamén dirixe teatro. Coñecino cando era actor. Nótase cando un autor tamén é actor. Notas a súa preocupación porque no texto hai guiños para min e para o meu contexto. Nerea máis eu entendemonos moi ben. Houbo entendemento en todo momento, e moito respecto. Sentinme cómoda e pasoo moi ben no palco. Ata o paso ben cos accidentes técnicos e se non soa a música eu bailo igual.

En Galicia o teatro forma parte da xente? Imaxinas a túa vida como se fose un espectáculo?

A estadística di que en Galicia un tanto por cento moi elevado de xente nunca foi ao teatro ou foi unha vez. Noutros países fan un acto nun teatro e teñen que pechalo porque está cheo. Aquí non hai esa cultura de encher os teatros. O teatro para min é fundamental. Fágoo todo pensando en aplicalo de forma espectacular. Para min o teatro é unha forma de estar no mundo e axúdache a entender os teus problemas cotiáns. Sinto que o teatro é como unha banda deseñada que alguén debuxa e que ilustra a miña vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario