Presentación


A compañía de teatro galego teatroenpunto xa ten o seu lugar na blogosfera: teatroenpunto.blogspot.com, a partir de agora o noso blog.
Desde este noso recén estreado blog poderedes consultar toda a información relativa a TEP (teatroenpunto): producións propias e alleas xestionadas por TEP, evolución das montaxes, calendario, fotos, vídeos, estreas... e calquera cuestión de interese que afecte tanto a TEP como ás súas integrantes.

Desde TEP enviámosvos un saúdo e agardamos que vos guste o paseo.

Que facemos
Teatro En Punto é unha compañía que comezou a súa traxectoria no ano 1996 co nome de Teatro Bruto. Nesa primeira etapa acometeu as montaxes Cachorros sen domesticar (1996), Interruptus I, II e III (1997-1999, en colaboración con Pífano, S.L.), Detritus Corazón (1997), Ninguén chorou por nós (2000), EN PUNTO (2002) e Agnus Patris (2003). En 2007 muda o cadro de integrantes da compañía, permanecendo nela Gloria Rico, socia fundadora, e incorporándose a esta nova etapa Nerea de Valenzuela.

A filosofía da compañía baséase nunha concepción do teatro en tanto que manifestación artística que, como tal, debe facerse eco do momento presente, do aquí e do agora que vivimos. Entendemos que o teatro debe escoitar as vangardas, debe relacionarse con outras disciplinas, pero sen esquecer en ningún momento que tamén debe chegar ao público, destinatario último e único do noso traballo.

O noso obxectivo apunta cara a ese lugar de encontro entre os temas de actualidade e unha posta en escena que sexa actual tamén. Pero… que podemos considerar que é, hoxe en día, unha posta en escena contemporánea cando, realmente, pouco ou nada queda xa por facer sobre as táboas? Para TEP, a contemporaneidade atópase na difícil tarefa de descubrir, día a día, cal é o noso lugar no aquí e no agora e, en consecuencia, adaptar a iso as nosas producións. Velaí o celme do teatro.

Aquí e agora significa ser conscientes de que estamos a atravesar unha crise profunda a nivel mundial. A realidade, aquí e agora, é que as institucións non poñen demasiado interese na(s) cultura(s) e, cando o poñen, fano dunha maneira tan desorganizada e irregular que nin se nota. Así e todo, o fondo do problema non está nas institucións, reflexo do pobo que as alimenta, senón no absoluto desinterese cultural de millóns de persoas absorbidas polo circo mediático.

Aínda máis aquí e máis agora, a realidade é que hai moitas compañías, pero moi pouco público real. Aquí e agora os lugares de representación estanse desprazando do teatro convencional a novos espazos (bares, bibliotecas, prazas públicas, centros socioculturais…), aos que sen dúbida debemos adaptarnos. Aquí e agora o teatro debe atopar o seu lugar e o seu público: a súa verdadeira razón de ser. Ese é, agora mesmo, o reto que nos propuxemos en TEP.