Nerea de Valenzuela (co-directora)


Nerea de Valenzuela Bandín (Compostela, 1976) é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Cando lle chegou o momento de empezar a pensar no seu futuro profesional, o único que tiña claro é que quería ser profesora, pero a súa vocación docente veuse abaixo no momento en que o teatro se cruzou no seu camiño.  Desde entón ten realizado cursos de formación en diversos ámbitos teatrais e traballa como monitora de teatro no Concello de Vedra.

Foi colaboradora de dirección (nas súas diversas modalidades: meritoria, auxiliar, axudante) co CDG (Centro Dramático Galego) , nas montaxes Rosalía e Daquel Abrente, e con Teatro do Noroeste, en Ensaio. Tamén foi responsable de distribución das compañías Teatro do Noroeste, Títeres Cachirulo e Sala Yago Producións.

No ano 2007 entrou a formar parte da compañía Teatro en Punto xunto con Gloria Rico.

Cambios de destino será a súa primeira experiencia en solitario na dirección.